Este centro foi creado grazas á iniciativa dos veciños da Susana en 1952, promovido por Alfonso Quintás Seijo, dono dun ultramarinos da Susana, que sempre miraba pola parroquia para modernizala e que impulsou a idea de crear unha escola xa que nesa aldea non tiñan e os nenos e nenas ían á “Casa de Ofelia” (a panadería), a modo de escola. O terreo foi doado pola casa de Castro e na súa construción axudaron os veciños da Susana e de Gamás, inaugurándose no 1956 a Escola Unitaria da Susana-Marrozos.
Exerceu como escola ata hai 15 anos, pero as mulleres da Susana encargáronse de coidala evitando a súa ruína. No 2016, un grupo de mozos e mozas pertencentes ao Obradoiro de Emprego Ecorural promovido pola Xunta e polo Concello de Santiago rehabilitaron esta antiga escola unitaria converténdoa no primeiro centro BTT de Santiago.
Polo lugar onde está situado, á beira do Camiño de Santiago (Camiño do Sueste-Vía da Prata) e na fronteira entre o concello de Compostela e os de Vedra e Boqueixón, ofrece as mellores posibilidades para realizar rutas BTT ou de sendeirismo por esta comarca, delimitada polo gran Ulla, o Pico Sacro e bañada polos ríos Santa Lucía e Pereiro, onde abundan muíños, pontellas, fervenzas, bosques caducifolios, vestixios históricos, pazos, igrexas…, en fin, moitos lugares por descubrir e que desde Santiago BTT queremos poñer ao teu alcance.