Max elevation: 286 m
Saída e chegada
Saída da Susana desde o centro BTT Santiago e volta ao mesmo centro.
Percorrido
A ruta enlaza as brañas de Sar e o Restollal coa Susana polo camiño xacobeo. Tomamos o Camiño de Santiago do Sueste-Vía da Prata, seguindo as indicacións da ruta. Pasaremos por Aldrei, a igrexa de Santa Lucía, Piñeiro e Angrois para chegar á ponte de Sar pola calzada do mesmo nome. De aquí accedemos a un circuíto que percorre as Brañas de Sar e a zona do Restollal. Para a volta collemos a calzada de Sar desde a ponte do mesmo nome e volvemos á Susana polo camiño de peregrinos en sentido inverso.
Esta ruta, sen grandes desniveis, permite coñecer o tramo de peregrinación do sueste que transcorre polo concello de Santiago e que desde a igrexa de Santa Lucía presenta moitos atractivos. Conserva un pequeno tramo do antigo camiño teal de Piñeiro que parte do cruce do río Santa Lucía e acaba nun vello lavadoiro á entrada de Piñeiro. Este lugar conserva unha carballeira, a carballeira do Souto, que é o campo da festa, e rúas cubertas con emparrado, así como casas de pedra modelo da arquitectura rural tradicional. De Piñeiro a Angrois, o camiño, baixo carballos e castiñeiros, vai en paralelo ao rego de Angrois que corre bordeado de fermosos prados. Antes de chegar ao río Sar, pasaremos por outro camiño real, o de Angrois que representa un bo exemplo de vías de comunicación da Galicia dos séculos XVIII e XIX, desde a cima del temos a primeira vista da catedral.
Na ponte de Sar accedemos ás brañas de Sar, ao Restollal e á rede de camiños que permiten percorrer o río polas dúas ribeiras e admirar abundantes elementos de arquitectura da auga: muíños, fontes, pontellas, canles de auga, presas, lavadoiros… E elementos artísticos destacados como a Colexiata de Sar, ou da economía agraria como as terrazas de cultivo, destacando a da Revolta na zona dos muíños dos Lavadoiros, ao pé do Gaiás.