Max elevation: 392 m
Saída e chegada
Saída da Susana desde o centro Santiago BTT e volta ao mesmo centro.
Percorrido
Sae da Susana cara ao sur e intérnase en terras de Sergude e Vedra, seguindo nalgúns tramos o río Pereiro. Logo vira ao norte cara ácapela do Santiaguiño e volve á Susana polo Camiño de Santiago.
Saímos do centro BTT Santiago da Susana, cruzando a estrada xeral e tomando como referencia o camiño de Santiago, como indicativo. Seguimos á esquerda polo camiño de Sales cara ao monte. Atravesando todo por pistas de monte cruzamos por unha ponte a autoestrada central galega. De aí, seguindo de fronte por pistas, chegamos a San Fins, cruzamos entre as casas e seguimos por pistas cara ao monte de Vedra ata chegar ao río Pereiro. Atravesando o concello de Vedra, dirixímonos cara a San Pedro de Vilanova e visitamos a capela do Santiaguiño, punto importante de moitos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, ruta da Prata, e que conta con lendas propias relacionadas coas do Pico Sacro. Finalizamos a ruta seguindo este tramo do camiño cara ao Centro BTT da Susana.
Esta ruta permítenos coñecer algúns tramos do río Pereiro que, como o Santa Lucía en terras de Santiago, é afluente do Ulla. O río conta con fervenzas e muíños salpicados polo seu percorrido que transcorre por camiños estreitos rodeados de vexetación de ribeira. No resto dos tramos, a ruta vai entre bosques de piñeiros e eucaliptos. Oito quilómetros do seu trazado corresponden á última etapa do camiño xacobeo coñecido como Camiño do Sueste-Vía da Prata, concretamente o que vai desde Outeiro, onde está a capela do Santiaguiño e moi preto dela o albergue do camiño, á Susana. O Camiño de Santiago pasa a moi poucos metros do centro BTT Santiago.