Nace a finais da década dos 70 nos Estados Unidos, conseguindo gran número de seguidores en poucos anos.
Trátase dunha experiencia que se realiza con bicicletas de montaña, coñecidas tamén como todoterreo (BTT), o máis lixeiras posible e con suspensión dianteira regulable, podendo dispoñer de amortecedores. É imprescindible, por seguridade propia, o uso de casco especial e aconsellable levar luvas de dedos longos, pedais clip e zapatillas especiais para este tipo de pedal.
Practícase en contornas naturais, normalmente bosques e montes, por camiños empinados que presentan diferentes obstáculos e descensos rápidos.
Tamén se pode realizar en camiños chans, campo a través ou en circuítos naturais. Estas características permiten moverse con máis facilidade nas paraxes naturais dando a posibilidade de gozar de vistas incribles.
Debido a isto é unha actividade apta para case todos os públicos (non aconsellable en competición para quen padece problemas cardiovasculares ou déficit respiratorio grave). Mis o certo é que require unha relativa resistencia física pero a un baixo nivel pode gozarse da natureza en familia.
Se nos baseamos no aspecto físico, a realización deste deporte resulta moi completa ao traballarse gran número de músculos e ter un exercicio aeróbico moi interesante que queima calorías e tonifica os músculos. Principalmente exercítanse as pernas pero non podemos esquecer que os cambios de postura e ritmo fannos exercitar tamén brazos, lumbares e costas. Axuda a mellorar coordinación e o equilibrio. Aumenta a capacidade pulmonar, mellora o sistema inmunitario e provoca a segregación de endorfinas (importantísimo para superar o día a día nunha sociedade tan rápida e chea de presións).
Deixando a un lado os beneficios físicos, axuda a superar retos e obstáculos fixados persoalmente; ao practicarse en grupo crea vínculos persoais; e aumenta o respecto pola natureza.
Imaxínaste poder gozar dunha xornada familiar, cun grupo de amigos ou en soidade, polos arrabaldes de Compostela a través das rutas que che propoñemos?
Aproveita os beneficios do aire libre, a falta de ruído, montes milenarios e espazos únicos onde exercitar corpo e mente.
Acompáñanos e goza da vida!