Santa Lucía – Castro de Vixoi (prolongación ata Bando)

Distancia total: 9947 m
Elevación máxima: 253 m

Saída e chegada

Saída da Susana desde o centro BTT Santiago e volta ao mesmo centro. Ruta de ida e volta polo mesmo percorrido.tro.

Percorrido

Desde A Susana segue o Camiño de Santiago ata pouco antes da igrexa de Santa Lucía en que se colle un camiño de terra á dereita que vai paralelo ao río e chega ata o pé do castro de Vixoi polo lado norte, onde presenta as pendentes máis pronunciadas, seguindo o camiño chegamos a unha pontella de pedra ben conservada que atravesa o río cun vao ao lado e un muíño moi rústico do outro lado. Todo o camiño desde que nos desviamos en Santa Lucía vai por un bosque caducifolio de castiñeiros e carballos. Cruzamos a pontella e subimos por un camiño de terra a unha pista asfaltada e á dereita enlazamos cun camiño de terra que seguiremos polo resto da ruta; é o camiño do colector do río que chega ata Bando.

Esta ruta presenta poucas dificultades xa que é moi cha e fermosa. Excepto o tramo que coincide co Camiño de Santiago, que vai por pistas asfaltadas de pouco tráfico pero polas que hai que ir con precaución, o resto segue camiños de terra paralelos ao río, onde imos atopar moitos muíños, bosques e paisaxes rurais.  Tamén cruzaremos un túnel da vía vella e pasaremos por debaixo do viaduto do Eixo, de máis de 90 metros de altura, parte do trazado do tren de alta velocidade.  O tramo máis fácil é o que vai desde a Cacharela ata Bando, un camiño ancho, en bo estado e con pouco desnivel.